|
educación ambiental desde o ecoloxismo
|
educación ambiental desde o ecoloxismo :: Adega
|
-
Oza dos Ríos continúa a senda da compostaxe caseira
O pasado venres 16 de xullo tivo lugar no edificio do concello de Oza dos Ríos o acto de clausura do primeiro programa de compostaxe caseira e lanzamento dunha segunda edición de trinta composteiros.
Ao tempo que se foron presentando os principais resultados do programa 2009-2010 íase explicando aos novos participantes como se irá desenvolvendo o programa. Os veteranos fíxeron aportación dos seus saberes adquiridos e da súa propia experiencia. En agradecemento polo interese e esforzo demostrado fíxose entrega dunha chapa simbólica aos participantes que cerraban o ciclo de aprendizaxe da compostaxe caseira despois dos seis meses de duración do programa. Os novos fogares compostadores cubriron a ficha de compromiso e levaron para as súas casas o composteiro para comezar o reto de aproveitar ao máximo os restos orgánicos do seu domicilio. Asemade fíxose unha demostración de montaxe para a súa correcta instalación. Acompañando ó composteiro entregouselles o manual de compostaxe para que tiveran a información suficiente de man. Como peche da xornada construimos entre os asistentes un composteiro artesán con catro pales de obra recuperados do lixo. Unha maneira de reutilizar recursos e de construir por un mesmo un práctico composteiro. Quedará instalado no colexio de Oza dos Ríos para botar os restos do comedor escolar.
-
Os fogares verdes de Lalín visitan Sogama
A tarde previa á noite de San Xoan veciños de Lalín participantes en Fogares verdes facían unha visita a Sogama acompañados pola educadora ambiental do programa e Xosé Manuel Méndez, concelleiro de medio ambiente do concello.A visita foi programada como parte das actividades formativas de Fogares verdes e en base ao interese mostrado por gran parte dos participantes en coñecer a planta transformadora de lixo.
Coñecer o destino final dos residuos que eles mesmos depositan a diario nos contentores das rúas lalinienses foi o obxetivo principal da excursión á planta de Cerceda. Alén de traballar a concienciación sobre a necesidade da redución do volume de lixo producido e a importancia dunha boa separación no fogar. Sobre as 17.30h chegabamos á Sociedade Galega de Medio Ambiente onde fomos recibidas pola responsable do departamento de comunicación de Sogama e a educadora que guiaría o percorrido pola planta. Logo das presentacións e tras unha breve charla introdutiva sobre o funcionamento de Sogama e a separación dos residuos equipámonos con chalecos reflectantes, cascos e mascarillas e comezamos a visita. Camiñamos polos diferentes departamentos; a sección de triaxe na que mulleres separan os diferentes envases para o reciclado, os laboratorios dende onde se controlan os procesos, as caldeiras que queiman o lixo, as balsas de recepción de impropios e do contido da bolsa negra –destinados a queima e obtención de enerxía eléctrica-, etc. A planta que xa se queda pequena para a grande cantidade de residuos que lles chegan de case toda Galicia por tren ou camión ten prevista unha ampliación e a construción de unha nova planta no sur de Galicia, aínda sen ubicación definitiva. A cantidade de recursos naturais que se están a desbotar ou a transformar en enerxía non renovable é moito maior do que nos podemos permitir a sociedade galega. A necesidade de apostar con enerxía pola redución e a reciclaxe da materia orgánica en forma de compost (esta fracción corresponde a máis da metade en peso da bolsa do lixo) faise urxente. Un dato, na actualidade un cidadán galego produce ao día 1,2 kg de lixo. Como punto final da visita enchemos unha enquisa de valoración e fomos agasallados con unha bolsa de material educativo da empresa (un lapis, conto para cativos, un manual de compostaxe caseira, un folleto de separación…).
-
Rematou a novena edición do Programa de Educación Ambiental en Santiago de Compostela

Por noveno ano consecutivo Adega e o Concello de Santiago de Compostela, nomeadamente a concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e a de Educación, realizaron o Programa de Educación Ambiental durante o curso 2009-2010. Este programa vai dirixido a todolos centros escolares do Concello de Santiago dende Infantil ata Bacharelato e contou cun total de 1200 participantes aproximadamente, repartidos en 20 centros.
As actividades de Educación Ambiental en centros escolares de Santiago comezaron a primeira semana de novembro e remataron no mes de xuño. Estructúraronse de novo en 10 bloques temáticos, que tratan diferentes temáticas no que se pretende achegar a cidadanía, as cuestións medioambientais máis próximas, auga, enerxía, residuos, biodiversidade...e tamén se pretende fomentar a responsabilidade dos cidadáns en referencia a estes temas e a súa participación activa na búsqueda das solucións máis respetuosas coa conservación, a protección ambiental e a sustentabilidade.
Este ano por ser o “Ano internacional da Biodiversidade” fixose fincapé nesta temática que tivo moi boa acollida. Ademáis o bloque de Saberes autóctonos foi outro dos mais solicitados incluindo novos obradoiros como a fabricación de plastilina e xabón.
Marga Miguens -Responsable do programa de Educación Ambiental Xeral Tlfno:680 50 34 35 email: marga@adega.info
-
ADEGA participa na semana de mostra Alternalia
ADEGA participará na mostra de bioconstrución, enerxías renovables e ecoloxia Alternalia, este evento será a vindeira semana no concello de Moaña. Do 21 ao 24 de xuño terá lugar o ciclo de xornadas técnicas e conferencias no centro sociocultural de caixanova. O luns 21 de xuño ás 20:30 da tarde ADEGA presentará o proxecto piloto de compostaxe caseira e comunitaria na mancomunidade do Morrazo.
Este proxecto que se iniciou neste mes de xuño pretende achegar coñecementos sobre a xestión dos residuos orgánicos como é a compostaxe ademais de reducir o volumen de residuos que son destinados a incineración e vertedoiro aforrando os custos económicos e ambientais do transporte dos mesmos. De este xeito repartiranse 60 composteiros entre as parroquias de Nerga (Cangas), Beluso (Bueu) e O caeiro (Moaña) para o programa de compostaxe caseira. Do mesmo xeito implantarase a compostaxe comunitaria en tres puntos estratéxicos da mancomunidade como son A Choupana (Cangas), As lagoas (bueu) e O Rosal (Moaña). Este proxecto require a participación e cohesión da comunidade de veciños, para tal fin instalaráse un composteiro dunha capacidade de 1000L nun espazo común ás vivendas e os veciños poderan aportar os seus residuos orgánicos e os restos de podas trituradas do xardín, despois de sete meses obterán o compost que serve como fertilizante para as prantas. Tanto o proxecto de compostaxe caseira como comunitaria irá acompañado dun programa de educación ambiental e asesoramento por parte de ADEGA. Do 25 ao 27 de xuño terá lugar a mostra no paseo marítimo de Moaña, no que tamen participaremos cun stand con información de ADEGA e un obradoiro de construción dun vermicomposteiro.
-
Os trinta composteiros de Oza dos Ríos a pleno rendemento
Despois de seis meses de práctica da compostaxe caseira é a hora de velos resultados e aproveitar o compost artesán.Dende o nadal pasado levan os veciños de Oza dos ríos empregando o composteiro que se lles cedeu dende o concello. Deste xeito os restos orgánicos da cociña que antes ían destinados ao contedor verde forón depositados no composteiro, mesturados con restos de follas, podas, herba… das hortas e xardíns dos participantes no programa de educación ambiental. O exemplo práctico de que é posible reciclar no propio fogar os residuos orgánicos producidos, devolvéndolle á terra os nutrintes, os minerais e a enerxía que nos foi dada a través dos alimentos e das plantas.
Pero máis alá da visión biolóxica está a cara económica e da correcta xestión do lixo. Compostar na casa supón un menor gasto na xestión de residuos, unha minimización das emisións e da contaminación por transporte do lixo e unha efectiva redución en kg da fracción orgánica que se desbota nos fogares. A comodidade tamén é un aspecto destacado da compostaxe na casa. Separar na cociña todo os restos orgánicos; follas de leituga, casca de ovo, restos de froitas, mondas de laranxa, pousos de café, cinza da cheminea, cunchas de marisco, pan con mofo, bolsiñas de té, cascas de pipas, restos de peixe e carne, etc. para logo botalo ao composteiro que está á beira da casa evita desprazamentos ao contedor da rúa. Asemade os restos de poda, da sega do céspede, da limpeza de “malas herbas” ou da recollida de folla que noutrora ateigaban os contedores verdes do concello van parar ao composteiro. Como peche do programa as educadoras de Adega farán a última visita porta a porta aos fogares compostadores. Valorando se se acadou con éxito a producción do compost e orientando aos participantes no seu correcto uso. Alén de pasarlles unha enquisa final de valoración da experiencia.
|