|
Comeza a campaña de outono 2008 do Proxecto Ríos |
|
|
|
|
O 15 de setembro de 2008 dará comezo a campaña de outono do Proxecto Ríos que se estenderá até o 31 de outubro. Todos os grupos participantes deberán saír aos seus treitos de río para facer as inspeccións e enviar os datos obtidos ao Proxecto Ríos coa finalidade de elaborar o informe anual de estado de saúde dos ríos galegos. Ao longo deste mes, os participantes recibirá por correo postal os reactivos químicos necesarios para medir o pH e os nitratos da auga. Así mesmo o 27 de setembro farase o xa tradicional Curso de Formación de Coordinadores do Proxecto Ríos na Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con en Vilagarcía de Arousa. Neste curso afondaremos na identificación dos macroinvertebrados. Dedicaremos o curso a falar polo miúdo da problemática que están a sufrir os anfibios.
Nesta campaña realizaremos as seguintes actividades: XORNADA DE LIMPEZA SIMULTÁNEA NOS RÍOS GALEGOS. O 4 de outubro de 2008 vaise realizar unha xornada de limpeza nos ríos galegos coordinada polo Proxecto Ríos. Esta xornada pretende ser unha iniciativa na que se retirará o lixo que estea presente nos cursos fluviais. Os grupos que estean interesados en participar deberán coordinarse co Proxecto Ríos. Editaremos un protocolo de limpeza de ríos para unificar criterios á hora de acometer as xornadas de limpeza, implicando aos concellos en cada zona para que aporten o material necesario para a recollida e retiren os residuos que sexan quitados do río. Tamén se fará un cartaz divulgativo da xornada. CAMPAMENTO DE VOLUNTARIADO NO RÍO TEA. Continuando cos traballos iniciados o ano pasado co diagnóstico do estado de saúde do río Tea e dentro do Programa de Voluntariado en Ríos 2008 do Ministerio de Medio Ambiente, o Proxecto Ríos vai desenvolver este mes de outubro o II Campamento de Voluntariado no río Tea. Estará centrado na eliminación de especies de flora exótica invasora, conclusión tirada dos traballos realizados o ano anterior. O campamento terá un formato similar ao do ano pasado: serán tres quendas de fin de semana nas que os voluntarios/as que queiran poderán anotarse para realizar os traballos de eliminación de especies exóticas invasoras, sendo as prazas limitadas. Haberá tamén espazo para coñecer un pouco máis a zona do Condado pola que flúe o río Tea. Na nosa páxina web aparecerá detallado o programa definitivo coas datas e actividades a realizar. |