ADEGA expón as conclusións da xornada de compostaxe a pequena escala PDF Imprimir Correo-e

Nesta xornada sentáronse as bases para a creación da Rede Galega de Compostaxe. O sabado 22 de maio celebrouse a xornada sobre a compostaxe a pequena escala organizada pola asociación ecoloxista ADEGA e o Departamento de Enxeñería Química da Universidade da Coruña. Esta xornada estivo formada por tres mesas temáticas: a compostaxe doméstica, compostaxe comunitaria e en pequenas plantas e a compostaxe en explotacións agrogandeiras. Baixa o resumo dos relatorios.

 

 

O encontro coincidiu co anuncio da Xunta de Galiza da construción dunha segunda incineradora no sur do país, que pon de manifesto a necesidade de traballar no eido da compostaxe como tratamento máis adecuado en canto aos residuos orgánicos. Segundo datos da Xunta xérase 1,2 Kg/habitante/día de residuos sólidos urbanos, destes aproximadamente a metade é materia orgánica que practicamente na súa maioría vai a incinerar ou vértese directamente.

Nesta xornada presentáronse varios proxectos onde se demostrou a viabilidade da compostaxe. Outra das conclusións é que a compostaxe é un tratamento adecuado para este tipo de residuos ademais de presentar un importante aforro económico na xestión de residuos para os concellos, tal e como se deduciu dos datos presentados polos representantes do Concello de Piñor e da Illa de arousa, que fixeron unha forte aposta a prol da compostaxe caseira.Doutra banda, os datos presentados pola Universidade da Coruña indican que o compost obtido dos composteiros particulares é un fertilizante de alta calidade cunha concentración moi baixa de metais pesados apto incluso para agricultura ecolóxica.

Na mesa sobre a compostaxe en explotacións agrogandeiras púxose de manifesto a falta de xestión e os problemas ambientais que xeran os restos de biomasa forestal, por unha banda, e o xurro e a cama procedentes das granxas, por outro. Estes restos tratados mediante técnicas da compostaxe pódense converter nunha oportunidade de obtermos materia orgánica e aportes de nutrientes para os nosos solos. Tamén é unha alternativa de xestión de residuos que ten un forte potencial como xeradora de emprego, sempre que se formule como un sistema de tratamento descentralizado, sendo un grande referente o modelo austríaco.

REDE GALEGA DE COMPOSTAXE

Nesta xornada tamén se expuxo a necesidade de poñer en funcionamento unha rede galega de compostaxe que sirva de espazo de acción conxunta e intercambio de experiencias entre os distintos proxectos e estudos de investigacións, que apoie as novas iniciativas e que contribúa a promocionar e impulsar unha política pública favorable a este sistema de xestión dos residuos orgánicos. Arestora, xa forman parte desta rede colectivos ecoloxistas e sociais, concellos, mancomunidades e universidades, que están dispostos a facela crecer e exportar as súas experiencias a nivel caseiro, en pequenas plantas e incluso nas explotacións agrogandeiras. Neste foro están convidados a participar todos aqueles sectores, colectivos e persoas que aposten por este sistema de tratamento, recomendado pola Directiva Europea de Residuos.

 

Para máis información: María Lafuente, vogal de residuos de ADEGA (tfno: 981570099).

 
Sitio feito con Joomla! e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala.
Joomla! é software libre baixo licencia GNU/GPL.