|
Ó longo deste mes de outubro o concello de Porriño porá en marcha o programa Fogares Verdes, unha experiencia piloto de aforro enerxético promovida dende o Ceneam (Centro Nacional de Educación Ambiental), e coordinado por Adega en colaboración cos concellos. Paralelamente dará inicio no concello de Ames o programa Fogares Kioto, programa adicado a reafirmar o compromiso de reducción de emisións de CO2 nun 5,2% , desenvolvido por Adega xunto co concello de Ames. (Este programa estase a realizar en outras comunidades, coodinado por diferentes entidades e subvencionado polo Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño)
Estes programas están dirixidos a todas aquelas familias preocupadas polo medio ambiente, que desexen dar un paso máis no seu grao de compromiso implicándose nesta experiencia piloto de aforro nas súas casas. Participarán un total de cincuenta e cinco fogares, vintecinco familias de Porriño e trinta de Ames.
O obxectivo é común para ámbolos dous programas: o cambio de hábitos de consumo no fogar, o que nos permitirá acadar un reto colectivo de reducción de emisións de CO2 nun 5,2%, e un aforro de auga de entre un 6% e un 10% . Esta xestión máis responsable dos recursos (auga, luz, gas,…) redundará na calidade do medio ambiente e tamén nos nosos petos, reducindo o importe das nosas facturas.
Ó longo da duración dos programas abordaranse temas como a iluminación, a eficiencia enerxética dos electrodomésticos, auga quente sanitaria, calefacción, movilidade sostible,… repartidos en tres talleres de formación que impartirán educadores ambientais de Adega.
Recolleranse datos de consumo de auga e luz para poder establecer comparativas e así evidenciar un aforro real no consumo, e entregaránselles ós fogares participantes un kit de aforro composto por unha lámpada de baixo consumo, un reductor de caudal para a ducha, perlizadores para as billas e unhas guías informativas con consellos de aforro.
Os fogares participantes tras asistiren ós talleres de formación, estarán asesorados de xeito permanente polos educadores vía correo electrónico ou por teléfono, para resolver calquera dúbida que lles puidera surxir. Estes programas de sensibilización cidadá tentan mudar hábitos de comportamento cara boas prácticas ambientais no fogar, e así conseguir que os participantes tomen conciencia de que os nosos actos da vida cotiá, por insignificantes que puideran parecernos, teñen unha repercusión directa na calidade do noso planeta, e polo tanto no noso propio benestar.
Demostrarase que con medidas sinxelas e pequenos cambios podemos contribuir a mellorar o medio ambiente e de paso diminuir as nosas facturas mensuais, sin ter que renunciar ó benestar e confort nas nosas vivendas. Para acadar un cambio na modalidade de consumo precisamos xuntar os esforzos de todos (gobernos, productores e consumidores), e nós imos empezar pola base: Nós mesmos.
|