|
Oza dos Ríos continúa a senda da compostaxe caseira |
|
|
|
|
O pasado venres 16 de xullo tivo lugar no edificio do concello de Oza dos Ríos o acto de clausura do primeiro programa de compostaxe caseira e lanzamento dunha segunda edición de trinta composteiros.
Ao tempo que se foron presentando os principais resultados do programa 2009-2010 íase explicando aos novos participantes como se irá desenvolvendo o programa. Os veteranos fíxeron aportación dos seus saberes adquiridos e da súa propia experiencia. En agradecemento polo interese e esforzo demostrado fíxose entrega dunha chapa simbólica aos participantes que cerraban o ciclo de aprendizaxe da compostaxe caseira despois dos seis meses de duración do programa. Os novos fogares compostadores cubriron a ficha de compromiso e levaron para as súas casas o composteiro para comezar o reto de aproveitar ao máximo os restos orgánicos do seu domicilio. Asemade fíxose unha demostración de montaxe para a súa correcta instalación. Acompañando ó composteiro entregouselles o manual de compostaxe para que tiveran a información suficiente de man. Como peche da xornada construimos entre os asistentes un composteiro artesán con catro pales de obra recuperados do lixo. Unha maneira de reutilizar recursos e de construir por un mesmo un práctico composteiro. Quedará instalado no colexio de Oza dos Ríos para botar os restos do comedor escolar.
|