|
Os encontros finais de Fogares verdes en Lalín e Muros poñen o peche dos programas |
|
|
|
|
Neste mes de decembro celebráronse os encontros finais de Fogares verdes nos concellos de Muros e Lalín (integrados dentro da rede de núcleos de sostibilidade), o mércores 15 e o venres 17 respectivamente. Durante o mesmo fíxose un repaso por todos aqueles temas tratados ao longo do ano. A auga, o consumo pantasma, a calefacción e auga quente, o lixo, os electrodomésticos, a mobilidade, a rega e a iluminación.
A presentación feita serviu para un debate e reflexión conxunta sobre os cambios posibles e os xa incorporados no día a día das familias. Mercar produtos ecolóxicos, reducir o uso de produtos químicos na limpeza, a necesidade de separar axeitadamente o lixo, como evitar o uso excesivo do automóbil… foron algunhas dos aspectos comentados. Tamén se presentaron parte dos resultados das enquisas realizadas ao longo do programa. Nembargante non se puido adiantar os resultados acadados de aforro de auga e electricidade pois faltan moitos dos datos de consumo que terán que achegar as familias participantes. Lembrar que os obxectivos de partida eran unha redución no consumo de auga de entre o 6 e o 10 % e no caso das emisións de CO2 dun 5,2 %. O que si xa se puido constatar foi o aumento da implicación e a concienciación ambiental nos Fogares verdes pois, entre outras, adoptáronse medidas como a reutilización de auga, a instalación de aireadores, modificacións nas cisternas, adquisición de lámpadas de baixo consumo, etc. Como parte final do encontro entregóuselles aos asistentes un diploma simbólico como sinal de recoñecemento ao seu esforzo e vontade e logo da charliña teremos unha merenda coas viandas que traia cada un dos asistentes.
|