| Elena Espinosa pecha as portas da Educación Ambiental no ministerio |
|
|
|
|
Desde fai máis de 30 anos, a Educación Ambiental foi considerada como unha ferramenta estratéxica nas políticas ambientais. Así o entenderon os diferentes organismos internacionais e os sucesivos gobernos españois, que participaron en innumerables reunións sectoriais a nivel internacional, organizado congresos e xerado plans, programas e recursos para impulsar este campo. O MMA, agora MIMARM, incluso, impulsou procesos interautonómicos que desembocaron, destacadamente coa publicación do Libro Blanco de la Educación Ambiental en España (MMA, 1999). O MIMARM é, ademais, referente da EA en España xa que xestiona o CENEAM: Centro Nacional de Educación Ambiental. O Goberno Español asinou numerosos tratados e convenios internacionais i europeos que lle obrigan e comprometen a utilizar as ferramentas sociais no cumprimento dos seus obxectivos: Convenio de Aarhus, Convenio para a Conservación da Diversidade Biolóxica, Convenio de Ramsar para a Conservación dos Humedais, Convenio de Estocolmo, Directiva Marco de Augas ou o Protocolo de Kyoto, entre outros. Apesar diso, aínda queda un longo camiño por percorrer, xa que ata agora a utilización de ferramentas sociais na solución de problemas ambientais, foi realizada de maneira tímida, deficiente e pouco sistemática. Pódese afirmar que existe unha relación inversa entre a relevancia que se lle concede á Educación Ambiental nas políticas de resposta á problemática ambiental e os recursos humanos, económicos e técnicos que realmente se destinan á súa posta en práctica. Sen embargo, a Educación Ambiental é unha realidade e posúe un alto capital político e social grazas ao esforzo de Organismos como a UICN, o Convenio de Ramsar, Europarc, as asociacións autonómicas e estatais de educadores i educadoras ambientais, as organizacións ecoloxistas, os colectivos de renovación pedagóxica, a interpretación do patrimonio, as fundacións e os profesionais de empresas privadas e organismos públicos (incluído persoal do MIMARM). De feito o impulso dado polo Libro Blanco de la Educación Ambiental e as distintas estratexias autonómicas de Educación Ambiental nos primeiros anos desta década permitían afrontar o futuro cun moderado optimismo. Unha parte importante desa mudanza de paradigma e novo horizonte na xestión educativa dos problemas ambientais, débese en boa parte ao labor da Unidade de Educación Ambiental do antigo MMA e actual MIMARM, auténtico referente nacional e internacional en EA e hoxe desaparecida do organigrama. Por todo o anterior MANIFESTAMOS: • Que todos os problemas ambientais do pasado e presente século teñen a súa base en problemas sociais, polo que resulta absurdo e insensato pretender que se poden resolver ou xestionar prescindindo do uso de ferramentas e instrumentos sociais. • Que estes instrumentos sociais (a educación, a comunicación, e a participación social), concibidos como procesos permanentes para a creación de espazos de aprendizaxe, son as pontes entre a Administración e a sociedade, i elementos extraordinariamente útiles, tanto para o desenvolvemento das políticas dos diversos departamentos, como para as relacións cos diversos actores sociais. • Que nunca como nestes momentos resulta máis transcendente e necesario fortalecer e potenciar todos os camiños posibles aos instrumentos sociais, e a Educación Ambiental, nos seus máis de trinta anos de existencia, demostrou ser, sen dúbida, unha das súas ferramentas máis eficaces e máis eficientes en relación aos limitados recursos investidos nela. • Que pretender limitar o campo de actuación da Educación Ambiental ao ámbito educativo formal é un reduccionismo absurdo e irreal que, ademais, vai en contra do espírito da Lei Orgánica de Educación (2006) aprobada polo seu propio goberno. E REIVINDICAMOS: • Que o Ministerio de Medio Ambiente e Rural e Mariño deixe de actuar en contra da súa responsabilidade política e das tendencias internacionais e de toda lóxica social e ambiental (a todos os niveis i en todos os ámbitos), asumindo e potenciando as súas competencias reais en Educación Ambiental, tal e como se comprometeu a asumir a través do Libro Blanco de la Educación Ambiental en España e de todas as convencións e acordos internacionais da súa competencia aos que o Estado Español se adheriu. • Que de acordo co anterior rehabilite a unidade de Educación Ambiental dentro do Ministerio de Medio Ambiente e Rural e Mariño, outorgándolle maior rango institucional e dotándoa de maiores competencias e recursos, acordes coa relevancia e transcendencia das responsabilidades que debe desenvolver e os procesos que debe impulsar e en función da súa necesaria transversalidade en todas as políticas socioambientales. • A continuidade e fomento de todos aqueles seminarios, procesos i estratexias de comunicación, educación e participación pública (a nivel interautonómico i estatal) actualmente paralizados e nos que os instrumentos sociais, resumidos conceptualmente como Educación Ambiental, foron dinamizadores, catalizadores i elementos definitorios. • O cumprimento dos numerosos tratados e convenios internacionais ratificados polo Estado que inclúen de maneira explícita o uso das ferramentas sociais para a súa implementación. • A inclusión das organizacións e entidades de Educación Ambiental (representadas estatalmente pola Federación de Entidades de EA) entre os axentes sociais presentes no Consello Asesor de Medio Ambiente. • A convocatoria e celebración urxente dun congreso nacional de Educación Ambiental, contando coa participación de todos os actores das administracións públicas do Estado (central, autonómicas e locais) e da sociedade civil para debater, reforzar e potenciar estratexicamente os instrumentos socio-educativos no marco das políticas de resposta á crise ambiental e aos obxectivos de construír unha sociedade sostíbel (as últimas datan de 1998).
|






A recente desaparición da Unidade de Educación Ambiental do agora MIMARM (Ministerio de Medio Ambiente e Rural e Mariño) alén de ser un grave erro político e a última evidencia dun proceso solapado para pechar vías aos instrumentos sociais, á participación pública e, en definitiva, ao aprofundamento democrático na resolución da crise ambiental. ADEGA, xunta cunha manchea de organizacións ecoloxistas do estado apoia o manifesto elaborado por diversas organizacións e entidades adicadas á educación ambiental. A actitude do ministerio proba que a inclusión de competencias en agricultura e pesca dilúe a importancia do medio ambiente subordinándoo a outros intereses.