| Descubre con ADEGA consellos simples para agasallos complicados! |
|
|
|
|
Baixo o lema "Para consumir sen nos consumir", ADEGA e os colectivos A Gentalha do Pichel, Amarante, Equisol, a Federación Ecoloxista Galega, Panxea e Verdegaia levamos o 22 de decembro á Praza do Toural un mercadiño alternativo e económico con ideas prácticas para un consumo máis consciente. Un obradoiro de xoguetes feitos con materiais de refugallo, unha xornada de troco, elaboración de cosméticos e perfumes naturais e información sobre a pegada ecolóxica e social que xeran os nosos hábitos de consumo, serán as actividades que propoñemos 7 organizacións de Compostela nunha campaña contra o consumismo e os excesos propios do Nadal. ANIMÁDEVOS a celebrar con nós un nadal mais ecoloxico, xusto e sostible!Estaremos na Praza do Toural o 22 de decembro a partir das 12.00 da maña!
Consumir menos, vivir mellor
Mais quen se achegue até o Toural tamén coñecerá o labor de movementos alternativos coma as cooperativas vinculadas co comercio xusto ou a agricultura ecolóxica. A posta en valor do traballo das produtoras, a defensa do comercio local, a loita polo dereito á soberanía alimentar dos pobos e contra as relacións inxustas que fan as grandes multinacionais son algúns dos piares que sosteñen o comercio solidario. Así, nos postos de Equisol, Amarante e Panxea saberemos de onde vén o café do noso almorzo e canto custa producilo, que son os 'alimentos quilométricos' e a súa pegada ecolóxica, en que condicións traballan as persoas que cosen a nosa roupa nos países do Sur ou o papel das mulleres nas cooperativas que venden os seus excedentes no mercado xusto.
|






